martes, 30 de mayo de 2017

CUARTO DE PRIMARIA

O PATIO DOS SOÑOS DA CLASE DE CUARTO
Na clase de cuarto tomámonos moi en serio iso de renovar o patio porque é un lugar onde pasamos moito tempo e queríamos facer un bo traballo.


Para comezar, deixamos voar a imaxinación e cada un deseñou o seu patio ideal. Xurdiron ideas de todo tipo; algunhas máis realistas e outras un pouco máis irrealizables (a quen non lle gustaría ter no cole unha piscina olímpica ou unha tirolina que dese a volta a todo o patio?), pero iso é o bonito de soñar. Tamén investigamos propostas doutros coles para inspirarnos e quitar ideas.

Outro dos puntos importantes foi facer unha investigación sobre o patio co que contamos, para analizar carencias e posibilidades de mellora. Cada equipo realizou a análise dunha das zonas do patio fixándose naquelas cousas que podíamos aproveitar e aquelas que precisaban renovarse ou cambiar. Coa información obtida, fixemos unha posta en común e comezamos a perfilar o patio dos nosos soños. Algo que sempre tivemos en conta é que o patio dos nosos soños tiña que ser un patio para todos, desde os máis cativos ata os maiores de sexto.
O deseño da maqueta foi toda unha experiencia. Cada equipo estivo encargado de traballar sobre cada unha das zonas do patio elaborando os obxectos e aparatos que cos que nos gustaría contar. Facer a maqueta requeriu tamén medir o noso patio e explorar que é iso de facer escalas e a importancia de manter a proporción para non levar sorpresas á hora de levar as nosas ideas á práctica. Na grande asemblea defendemos a nosa maqueta cos mellores argumentos pero, claro, é que tiñamos a nosa exposición moi ben preparada.
Unha vez definido o patio dos soños do cole chegou a hora de poñerse mans á obra. A clase de cuarto quedou encargada de deseñar e preparar un circuíto e comezamos por analizar o espazo real co que contamos e facer un deseño a escala. Isto supuxo un grande reto xa que o patio é moi longo pero estreito así que tiñamos que poñer o miolo a traballar duro para atopar un deseño funcional ao tempo que divertido. Por suposto, tamén dedicamos un tempo a estudar e aprender algo sobre seguridade viaria e os sinais de tráfico que necesitabamos para o noso circuíto… a seguridade ante todo!
Cambiamos o lapis e os folios polo xiz, o flexómetro, as escuadras, as brochas e a pintura e baixamos o patio para elaborar o noso circuíto. Pronto nos demos conta de que un traballo ben feito leva tempo e dedicación; hai que ser meticulosos se queremos que o noso traballo quede perfecto.
 Perpendiculares, paralelas, circunferencias e todo baixo este intenso sol de primavera…agora sabemos que o traballo de campo é máis duro do que parece, pero a verdade é que paga a pena porque o resultado será froito das nosas cabezas, do nosos corazóns e das nosas mans.

No hay comentarios:

Publicar un comentario